Thursday 25 de April de 2024

Os Xardíns de Valle-Inclán converteranse este sábado nunha sala de exposicións a ceo aberto


Coa premisa de que a arte non se limita a uns espazos concretos, chega aos Xardíns de Valle-Inclán a quinta edición do Olladas na rúa. Unha cita que reunirá no sábado 5, durante todo o día, un total de 32 artistas -11 escultoras e escultores e 21 pintoras e pintores- procedentes do Barbanza, da Coruña e de Vigo. Ademais, realizarase un catálogo desta exposición, con introdución de Xoán Pastor Rodríguez. Así o deron a coñecer esta mañá o alcalde Xosé Lois Piñeiro, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, e a técnica desta área, Fita Sanisidro.
En referencia a esta proposta, a edil manifestou que “será unha ocasión única para podermos ter unha ampla visión do movemento artístico na nosa comarca.” Neste aspecto tamén fixo fincapé a técnica da Cultura, ademais de indicar que se congregarán diferentes estilos, soportes, técnicas e materiais.
Pola súa parte, o rexedor expresou o seu agradecemento ás persoas implicadas en faceren posible que este evento teña lugar, o cal xa está consolidado e cuxa intención é “promociona-la cultura, a produción artística, dar a coñecer e que sexa recoñecido socialmente o traballo que fai toda esta xente.”
No eido da escultura figuran Emilio Mariño, Jontxu Argibay, José Luis Bandín, Manuel Teira, Mónica Montero, Nuco Losada, Pepa Mariño, Platis, Ricardo Dávila, Sonagasallo e Che Tembra.
En canto á pintura, están presentes Alfonso Costa, Amparo Fuentes, Antía Brey, Antonio Pérez, Carmen Sampedro, Daniel Piñeiro Iglesias, Esther Molinero, Fran Gess, Gloria López Paz – Arte Guiglo, Guille de la Paz – Arte Guiglo, JavierHermo, Julia Gema Fernández Pla, Manuel Ayaso, Manuel Rodríguez Varela, Mª Teresa González, Marian Briones, Paco Casal, Paola García Paz, Pastor Rodríguez, Teresa Argibay e Xerardo Crusat.